Thursday 16 de May de 2024

A Xunta imparte na Coruña un curso a profesionais sobre a nova Lei de Discapacidade dentro do Plan de Formación para persoal de servizos sociais


A Xunta continúa a impartir o primeiro Plan de Formación para persoal de servizos sociais no que se aborda, entre outras materias, as novidades normativas en materia de discapacidade. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe os participantes que asistiron a esta sesión formativa na Residencia de Maiores Torrente Ballester da Coruña sobre a Lei 8/2021 de atención ás persoas con discapacidade .

Entre os asistentes encóntranse profesionais de sete entidades sociais de Galicia entre as que se destacan ACCEM, organización dedicada a mellorar a calidade de vida das persoas refuxiadas e migrantes e outros colectivos vulnerables; o Centro de acollida Movemento pola Paz; o Patronato Concepción Arenal; o Centro de acollida básica Hogar de Sor Eusebia; o Comité Ciudadano Antisida; a Fundación Hogar Santa Lucía; e persoal implicado na Fundación Pública para a Tutela de Persoas Adultas (Funga).

O Plan de Formación Continuada iniciouse o pasado mes de novembro e está dirixido a máis de 10.000 profesionais e conformado por 300 actividades e máis de 6000 horas. Este plan permite atender as dúbidas e formar os profesionais dos diferentes centros nas técnicas máis avanzadas. Os contidos destas sesións formativas irán desde novidades normativas ata aspectos máis tecnolóxicos ou sociais.